Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Cambre traballa a prevención de violencia de xénero a través da coeducación nos IES e os CEIPs


Como colofón o próximo venres 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, o propio alumnado de 2º da ESO colocará, durante os recreos, mesas informativas para sensibilizar ao resto de alumnado do IES e gravarán un Lip Dub para sensibilizar ao resto da poboación do Concello

O Concello de Cambre traballa a prevención de violencia de xénero a través da coeducación nos IES e os CEIPs do municipio.

O alumnado de 2º da ESO dos IES do municipio de Cambre, Afonso X O Sabio e o David Buján, traballan a coeducación a través de obradoiros de “bo trato” desde principio do mes do outubro. Nas sesións semanais traballan a promoción da igualdade, a loita contra os estereotipos de xénero, a resolución de conflitos, a intelixencia emocional a través de traballos participativos e dinámicos coordinados por persoal especializado en materia de igualdade de xénero.

Como colofón o próximo venres 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, o propio alumnado de 2º da ESO colocará, durante os recreos, mesas informativas para sensibilizar ao resto de alumnado do IES e gravarán un Lip Dub para sensibilizar ao resto da poboación do Concello. Un total de 200 alumnos e alumnas serán as beneficiarias directas dos obradoiros e cerca de 1100 alumnos e alumnas dos IES as que serán sensibilizadas durante os recreos do día 25 de novembro.

Pola súa parte, os CEIPs tamén se están a beneficiar da programación municipal en prevención da violencia de xénero. A Trastenda dos Contos, está a desenvolver para o alumnado de 5º e 6º de educación primaria, unha contada onde se traballa de xeito lúdico a coeducación. Un total de 400 alumnos/as participarán nas contadas, que rematan mañá día 23 de novembro con dúas sesións no CEIP Wenceslao Fernández Flórez de Cambre e no CEIP Emilio González López de Brexo Lema.